EDUCACIÓNS EN PRISIÓN. Experiencias en Galicia

Martes, 30 de outubro de 2018

Facultade de Formación do Profesorado, Rúa Ramón Ferreiro, Lugo.

Preto da estación de autobuses.

Introdución

Descargar programa

Formulario de inscripción

Descargar ficha de experiencia

Sabemos que a prisión debe perseguir a consecución do fin social que lle dota de sentido e lexitimidade, é dicir, orientar toda a súa actividade á consecución da reeducación e reinserción, fins constitucionalmente establecidos. Sen embargo, tamén somos conscientes de que esta misión presenta importantes limitacións: educar na responsabilidade nun ámbito que prima a seguridade e o control, onde as posibilidades de participación real están moi limitadas; ensinar a vivir en liberdade nun contexto de privación de liberdade; ou (re)socializar fóra da sociedade.

 

Os centros penais, en tanto que institucións sociais, educan polo simple feito de existir, polo que nos compete definir a orientación das educacións en prisión. Falamos de “educacións”, en plural, porque fronte ao reducionismo de concibir o dereito á educación circunscrito unicamente á formación regulada ou á escolarización, apostamos por un dereito á educación inscrita no marco da vida, nos diferentes espazos, tempos e actividades; dereito que revalorice os aspectos éticos e culturais, e non só os instrutivos. Entender a educación como dereito máis aló da escolarización implica que o conxunto de actividades desenvolvidas en prisión adquira unha dimensión pedagóxica, convertendo o tempo de privación de liberdade en tempo de aprendizaxes e os centros penais en ámbitos de cidadanía e contextos educativos.

 

Son moitas e diversas as iniciativas que se están a impulsar nas prisións dende esta perspectiva educativa, pero tamén enormes as limitacións que soportan, tanto dende os marcos reguladores como de financiamento.

 

Ante estas coordenadas, a asociación Aliad Ultreia e o Grupo de investigación SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela, organizamos o Seminario “Educacións en prisión. Experiencias en Galicia”, coa vontade de xerar un espazo no que as persoas conectadas ao traballo educativo nas prisións galegas se atopen, intercambien experiencias e sentires, reflexionen conxuntamente e impulsen estratexias de traballo colaborativo para fortalecer a dimensión pedagóxica das cadeas.

 

Diríxese, polo tanto, aos centros penais galegos (directivas, persoal de tratamento, docentes da escola e persoal de vixilancia) e a entidades externas (profesionais e voluntariado) que están a traballar nesta liña, así como a profesionais da educación interesados polo ámbito penitenciario.

O que buscamos con este encontro é:

  • Afondar e reivindicar o valor da educación como elemento primordial na función (re)educadora da prisión.

  • Analizar os límites e potencialidades das accións educativas neste contexto.

  • Divulgar e compartir as iniciativas que se están a desenvolver en Galicia.

  • Crear unha rede ou dinámica de traballo conxunto que nos permita fortalecer o traballo educativo nas prisións galegas.

Contamos coa participación de persoas de referencia na reflexión teórica, investigación e traballo práctico neste contexto; con profesionais que compartirán con nós as súas iniciativas educativas en prisión; así como con especialistas en facilitar o artellamento entre diferentes axentes sociais (tecido asociativo, nivel técnico e nivel político) cara un obxectivo común.

 
Programa

10:00 a 10:30 – Apertura

10:30 a 12:00 – Conferencia. Orientacións pedagóxicas para non perderse nas prisións

                               Fernando Gil Cantero (Universidad Complutense de Madrid)

12:00 a 12:30 – Descanso - café

12:30 a 14:30 – Mesa de experiencias. Iniciativas educativas nas prisións galegas

14:30 a 16:00 – Xantar

16:00 a 18:00 – Obradoiro de traballo. Estratexia de traballo colaborativo para fortalecer

                               o labor educativo das prisións galegas. 

                               Coro González e Lorena Durán (Asociación Extramundi)

 

18:00 a 18:30 – Descanso

18:30 a 20:00 – Conferencia. O papel indiscutible da sociedade civil na función

                               restaurativa da prisión

                               Enrique Arnanz Villalta (sociólogo e filósofo)

Ver

 
Inscripción

A inscrición realízase a través do formulario online que permite a inscrición grupal, para facilitar que os centros penais e entidades externas inscriban ás/aos seus participantes de forma conxunta, podendo facelo tamén de xeito individual.

O período de inscrición finaliza o día 1 de outubro de 2018.

 
Envío de experiencias

O encontro nútrese coas experiencias educativas que profesionais e voluntariado desenvolvedes nas prisións galegas, dentro e fóra da escola. De 12:30 a 14:30 contaremos cun espazo para compartilas e dialogar sobre elas.

Para incorporar a presentación dunha experiencia neste Seminario, deberedes dar contido de forma sintética á ficha e facela chegar a través do enderezo electrónico convivencia.prision@gmail.com ata o 17 de setembro de 2018.

En función das experiencias recibidas, acordaremos a forma de presentación. Poderase combinar exposición oral con paneis expositivos. Primarase na selección para a exposición oral a diversidade de ámbitos de actuación, a representación dos diferentes centros penitenciarios e a potencialidade da iniciativa en termos educativos e de innovación social.

Contémplase a posibilidade de poder realizar unha publicación final coas iniciativas.

Descargar ficha de experiencia

Comité organizador

María Barba Núñez (Aliad-Ultreia)

Carmen Morán de Castro (Universidade de Santiago de Compostela)

Laura Cruz López (Universidade da Coruña)

Organiza e financia
Financia e colabora

Iniciativa de:

Financia / Colabora:

logodefinitivo_horizontal-07_edited.png

Convocatoria de interculturalidad y acción social

2013, 2015, 2017

Contacto:

Teléfono: 982 251 948

Asociación Aliad Ultreia. Rúa Milagrosa, 99-101. CP. 27003, Lugo