II SEMINARIO DE EDUCACIÓNS EN PRISIÓN

Sinerxías de acción educativa

Formación online.

30 de setembro e 1, 7 e 8 de outubro de 2020.

De 17:00 a 19:00

Dirixido a...

Formulario de inscripción

Profesionais dos centros penais galegos (directivas, persoal de Tratamento, e persoal de Interior); profesorado dos centros EPA; profesionais e voluntariado das entidades externas.

Introdución

Continuando o Plan de Animación Sociocultural que se ven desenvolvendo desde 2012 no Centro Penitenciario de Monterroso (Lugo), coordinado desde a Asociación Aliad Ultreia e o Grupo de investigación SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela, organízase o II Seminario de Educacións en Prisión, focalizado na potenciación de sinerxías no desenvolvemento de procesos educativos favorecedores da reinserción social da poboación reclusa.

O escenario xeral non amosa evidencias satisfactorias da capacidade re-educativa dos centros penitenciarios, sendo escasa a participación das persoas presas en procesos regulados que permitan obter as competencias e acreditacións imprescindibles para arroupar as, xa de por si minguadas, posibilidades de reinserción laboral e social. Sen embargo o sistema educativo escolar ofrece unha variada gama de oportunidades tanto para reiniciar procesos de formación, como para acreditar competencias adquiridas por outras vías que avancen na consecución das certificacións básicas requiridas para continuar formándose e/ou acceder ao mercado laboral.

Por outra parte, é imprescindible a acción socioeducativa desenvolvida por diversas entidades nas prisións na adquisición, reforzo e mellora de condicións persoais e sociais nas que se asentan os procesos de reinserción. As experiencias presentadas no anterior Seminario (https://www.ascprision.es/tecendorede) evidenciaron como as entidades externas sosteñen gran parte do traballo educativo nas prisións, en ámbitos como o desenvolvemento persoal, a inclusión social e laboral, o traballo terapéutico, a educación para a saúde, e o acceso ao ocio, cultura e participación social, entre outros.

As sinerxías entre ambos procesos educativos, escolares e sociocomunitarios, son indispensables na motivación e fortalecemento da decisión persoal de aprender, e no establecemento de canles, recursos e condicións que adapten as estratexias existentes ao escenario do cárcere e que reforcen e melloren a capacitación para a inserción/reinserción dos reclusos na sociedade.

Por isto parece de interese impulsar unha proposta formativa que permita reflexionar e compartir propostas que axuden a definir ou redefinir estratexias de acción educativa que ofrecer ao colectivo recluso, así como de motivación para a participación.

 
Obxectivos

Neste II Seminario incidimos nos obxectivos que xa foron salientados no I Seminario, subliñando e reivindicando o valor máximo da educación para a reinserción, así como do recoñecemento das entidades que desenvolven o seu traballo nas prisións galegas e a necesidade de consolidar unha rede que as fortaleza.

O obxectivo xeral do seminario é favorecer sinerxías entre axentes, procesos e estratexias educativas en contextos escolares e sociocomunitarios que reforcen e melloren a capacitación das persoas presas para a súa  inserción/reinserción social.

 

Concrétase nos seguintes:

  • Reivindicar a responsabilidade (re)educadora para a reinserción social que a lexislación atribúe aos centros penitenciarios.

  • Analizar e valorar os recursos, proxectos e estratexias formativas (escolares e sociocomunitarias) que se desenvolven nas prisións para capacitar ás/aos reclusos nos procesos de inserción/reinserción social.

  • Favorecer sinerxías entre as propostas formativas desenvolvidas nos centros penitenciarios de Galicia, para incrementar os recursos a disposición da poboación reclusa e a motivación para participar.

  • Crear unha rede de traballo entre as entidades que dinamice e consolide o traballo educativo nas prisións galegas, o seu recoñecemento e a mellora das condicións en que se desenvolve.

 
Programa
 
Inscripción

O Seminario é gratuíto, sendo preciso realizar a inscrición a través do formulario online.

O formulario permite a inscrición individual ou grupal, para facilitar que os centros penais e entidades externas inscriban ás/aos seus participantes de forma conxunta.

Comité organizador

María Barba Núñez (Aliad-Ultreia)

M. Carmen Morán de Castro (SEPA-interea. Universidade de Santiago de Compostela)

Germán Vargas Callejas  (SEPA-interea. Universidade de Santiago de Compostela)

Alejandro Pérez Diez (SEPA-interea. Universidade de Santiago de Compostela)

David Neira Caridad (SEPA-interea. Universidade de Santiago de Compostela)

Organiza e financia
Financia e colabora

Iniciativa de:

Financia / Colabora:

logodefinitivo_horizontal-07_edited.png

Convocatoria de interculturalidad y acción social

2013, 2015, 2017

Contacto:

Teléfono: 982 251 948

Asociación Aliad Ultreia. Rúa Milagrosa, 99-101. CP. 27003, Lugo